Ruta da Industria Cultural

Esgotada na minaSeguindo a viaxe fascinante chegamos á zona do Ruhr que iniciamos en Essen. Preto está a fermosa  e enorme Villa Hügel. onde habitou a familia Krupp desde 1873 a 1945. Despois o gran museo da mina en Bochum que ten máis de 2 km de percorrido. Como poden comprobar quedei esgotada polo traballo. A febre non me permitiu continuar o percorrido de industrias e museos que compoñen o conxunto. Hei volver, preferiblemente no verán para asistir aos concertos e teatro que se programan nesas catedrais culturais. 

Xa comentei como me gusta a estética do ferro, das máquinas, das altas cheminés, pero ademais esas formas pertencen ao mundo laboral de mulleres e homes que se esforzan , transforman o natural e fan avanzar o mundo. As fábricas son moi diferentes das xoias arquitectónicas relixiosas ou civís.  Nestes magníficos espazos non hai mans unidas orando e meditando, mans limpas como patenas, pasivas, senón mans traballadas e sucias. Non cheira a incenso e perfumes, senón a suor e carbón ardente.  Non hai parqués brillantes, tacos de billetes, togas, rango de palabras, mortos ilustres. Nas industrias hai acción, nenas traballadoras mortas na minatraballo, ansia, modificación. Un motivo importante para que me interesen.

mulleres como galegas na minaCo tempo fóronse introducindo normas que evitaran a extrema avaricia dos capitalistas. Un cartel de traballadoras enterradas perto da usina, mostra a infravaloración do xénero feminino e a idade das nenas proletarias. Un horror. Hoxe en día aínda hai lugares en Suramérica onde traballan crianzas en lugar de estaren na escola. Certamente, a industrialización asoballa o proletariado, pero máis o facían no antigo réxime coa servidume. E nin tiñan salario. Nin Marx.

As vítimas de Feixóo

_ As feministas sempre vos estades queixando…

_ E logo! Todo vai a peor. O holocausto de mulleres continúa e ninguén se doe publicamente…

_ Estás equivocada. O presidente Feixóo vén de subliñar que “el e o seu partido está e estarán comprendendo a dor dos que padecen os asasinatos da sin razón”. Defenden que “non pode haber tarifa plana para matar.”

_ Que parva es! Refírese ás vítimas de Eta, non ás vítimas do terrorismo sexual.

– Estas son, daquela, asasinadas con razón? Hai diferencia entre mortes?

_ Claro. Todo depende de quen te mate e onde. Se o asasino é o pai, a parella, alguén da casa, non contan igual. Son delitos menores..

_ E se as matase Eta?

_ Aii! Serían vítmas de 1ª portada do xornal, mortes inesquecibles. os seus asasinos non deberían saír nunca da cadea.

_ Así que hai mortas de 1ª e de 2ª? E din que vivimos nunha democracia?

_ Pois se che digo que para algúns nin vítimas son: levan o seu merecido.

_ Que me paren o mundo…!!!

Ulo Rouco Varela e a súa panda ética?

Onde estás angel de amor? En que apartada orilla deixaches esquecida a caridade cristiá? Non escoitades os berros de venganza que saen da vosa sociedade hispano-católica? Velaí unhas vítimas implacables que non se limitan a lembrar os parentes mortos, senón que queren sacar partido desa desgraza, manter o do, o culto aos mortos, para eles seren alguén. Non se limitan a manter vivo o lume do velatorio, senón a quitarlle a liberdade de por vida a quen lle quitou a vida. Que dis Cardenal destas vítimas que vitimizan, que odian, que non dán calmada a sede de vinganza. Vinte, trinta anos de reclusión non chegan para aplacar tanto rancor? Que diría o Cristo que invocades?  Nada. A conferencia episcopal dorme. A xente oprimida e privada de liberdade, que seguramente, Cristo xa perdoou os seus pecados, non son dignos da vosa intervención. Recoñece Rouco! e toda a a Conferencia Episcopal! Só estades preocupados polos fetos! Ai, de seren fetos!

Viaxe fascinante

A miña fascinación polas máquinas é compartida. Desexaba coñecer as fábricas de aceiro alemanas e puiden facelo en compañía da miña querida amiga Marga Doval e o seu marido alemán Alexandre. Comezamos polo grupo de altos fornos Völklinger Hütte que se alimenta no río Sarre. A xigantesca e fermosísima fábrica, 6 altos fornos que se elvan a máis de 45 metros de altura, nunha superficie de 600.000 m. As obras de enxeñería para o ferro e o aceiro foron as máis avanzadas da época. 17.000 persoas traballaban nesta siderurxia na idade de ouro da industrialización.

Desde o ano 1994 é patrimonio Cultural Mundial da UNESCO. Clasificada no mesmo rango que as pirámides de Exipto, a muralla china, a Acrópolis de Atenas ou a catedral de Colonia. Por citar obras célebres de distintos momentos históricos. Coñezo as obras citadas e os conxuntos industriais parécenme máis fermosos e interesantes.

Völklinger Hütte


Völklinger Hütte2

Völklinger Hütte4Völklinger Hütte3


 

O odio como paradigma

Non sei por que mata un terrorista. Nin por paixón, por celos, por misoxinia. Tampouco por diñeiro. Ten unha motivación política,  non exenta de sentimento patriótico, dun fanatismo farruco de salvador de patrias. O certo que é algúns, segundo as circusntancias, convertéronse en heroes, homes valentes e recoñecidos pola historia, cando saíu ben a xogada. 

O terrorista colle as vítimas desprevenidas, pon unha bomba e se larga ou pega tiros pola espalda. Ninguén merece que lle quiten a vida, pero o terrorista non só mata a persoas “culpables” segun o seu criterio, senón que nas accións cegas morre moita xente cualificada como inocente. Por iso é un asasino perigoso socialmente. Ademais é desestabilizador do sistema. Nada comparable ao terrorista machista, un crime privado que non altera nada. Consonte con iso, as condenas dos terroristas son superiores e poden sumar moitos anos.

Para que serve encarcerar? Haberá casos en que é necesario aillar individuos da sociedade. Tamén cren que se redimen encerrados e reprimidos. Pesroalmente non creo que a xente saia mellor da cadea do que entrou. Por suposto, os delitos cómpre xulgalos. É unha lección para o delincuente e a sociedade. Os anos de reclusión indican a gravidade do delito. Pero, en todo caso, é o rexeitamento do delito o importante e non a satisfacción que iso lle pode dar ás vítimas.

Estes comentarios veñen a conto da sentencia europea que dispón poñer na rúa a terroristas de ETA.  Sei que non sempre temos a caridade de Concepción Arenal cando dixo “Odia o delito e compadece ao delincuente”, pero o odio que demostran as familiares das vítimas non é asumible. Esa nai ou esposa que di ” xa non teño o consolo de vela en prisión” demostra odio. As leis democráticas anulan a lei de Talión.  Dáme pena escoitar que é un día triste, unha aldraxe para as familias, para o mesmo Estado, porque unha terrorista que estivo 26 encerrada saia á rúa. A quen aproveita que estea no cárcere? Ela hai anos que non podería matar porque xa non ten banda, xa non está armada. E reconsiderar o que fixo pode facelo nun ano ou non facelo en 40. O feito é que xa non é un perigo social. Non así os violadores que moi probablemente volvan facelo e levan a arma incorporada.

Odiando iguálanse. Nunha sociedade democrática o odio non é o paradigma.