Esforzo e tesón.

boekeSon varias as características do traballo científico, da tarefa de investigación. Admiro esa faceta humana de mentes lúcidas e curiosas, si, pero con estudos e coñecementos sen os que o resto dos atributos non chegarían a concretarse, e con horas de esforzo e tesón sen os que non poderían acadar os obxectivos que se propuñan. A todo isto cómpre engadir, en moitos casos, a valentía. Os descubrimentos acostuman a ter detractores que dificultan e retrasan os avances humanos.

O fanatismo relixioso é un dos atrancos en contra do saber. A lucidez científica é contraria á fe cega que defenden as relixións. De aí a pretensión de manter na ignorancia os pobos. “O mellor para que non haxa enganabobos, é que non haxa bobos”, di J.Wagensberg. A medida que avanza o coñecemento, diminúen as crenzas. As persoas crentes están interesadas no que xa saben, nos dogmas que lles transmitiron. As curiosas están dispostas a descubrir.  Como Jf Boeke, que despois de sete anos invertidos no proxecto, logra o ADN artificial nunha célula viva.

Pois ben, este descubrimento tivo un inimigo que acusaba de erróneos os resultados e motivou unha investigación. A consecuencia foi que a outra persoa implicada no estudo, realizado nunha universidade de Nova York, Yu-Yu Lin, apareceu sen vida no laboratorio, a véspera da entrega das confirmacións, sen deixar ningunha nota que confirmase o suicidio. “Morte no laboratorio” podería ser o título da novela negra escrita a partir desta historia, unha máis entre tanto odio e persecución como esperta a indagación científica.

Mesmo así, o cromosoma artificial xa está aí. Levan anos intentándoo. O primeiro foi John Craig Venter, coñecido como o pai do xenoma, precursor da vida artificial hai xa catorce anos. Facilitou que outros clonaran a ovella Dolly, en xullo de 1996. Entramos noutra etapa evolutiva. A selección natural foi a da materia viva; agora, di J.W. A selección artificial é a da materia intelixente. Agora que as teorías de Darwin foron aceptadas pola igrexa católica, están sendo superadas pola evolución cultural. No futuro, que xa é hoxe, non dependeremos da natureza, senón da intelixencia e a vontade humana. As persoas que leron o meu libro Antinatura, saben canto desexo que se acabe o naturalismo.

Advertisements

Sempre me asombra

 

Gris contorno, bretemoso e sume.

Lisco perseguida polo tempo

lusco fusco, fusca

vida, acelerada busco

futuro que nunca chega a selo.fogo no cabalo furado

Quen pensar no sol?

Velaí asoma eternal

velorio que me asombra.

Bola inmensa, vermello vello ardor

matiz heterodoxo, innovación

fogo no cabalo furado das Cíes

peso ardente no lombo

que nin Sísifo

o furado das Cíes nin cabalo

pedra asento incandescente

bola ardor

nebuloso lume

imitando tons de Turner,

cando vello

declive sintético, abastracción.

Tarde neboenta, sol

insólita felicidade.

 

 

 

BRUXAS

Bruxas, personaxes malvadas dos contos, que asustan as criaturas e viaxan en basoiras. Bruxas, mulleres especialmente perseguidas desde a Idade Media. Especialmente, digo. As mulleres son oprimidas, obrigadas a traballar gratis e violadas e destinadas a parir como mamíferas sempre. Por todo iso, morren. Se non morren de seu, morran de guerra. Cando se rebelan son asasinadas. Por donos privados. Lento e sistemático holocausto. Ai!, cando queren saber, cando adquiren coñecementos e os poñen en práctica, cando ameazan con competir co poder masculino, ai!, daquela convén coutalas de raiz mediante a forza pública. Hoxe, Gallardón e a Igrexa poden reducir o avance feminino dos últimos anos aprobando novas leis que revoquen as anteriores. No pasado, no s.XIV e seguintes, foi a queima nas fogueiras das mulleres sabias que chamaron bruxas. 

Mediante o empirismo, o coidado, o servicio á comunidade, como parteiras, nutrices, curandeiras, expertas na sexualidade e a reprodución, tiñan coñecementos de anatomía, botánica, de minerais, desenvolveron técnicas de alquimia, de destilación, extracción, sublimación, creando receitas para sandar enfermidades. As elites eclesiásticas, políticas e económicas tiñan que controlar todo iso. Non podían permitir que as mulleres tivesen unha sexualidade máis libre, un coñecemento superior e xenerasen os seus propios ingresos. Daquela, baixo a acusación de amigas do Demo, nun Tribunal especial, a Inquisición, e confesións baixo tortura, enviaron a milleiros de mulleres a morrer queimadas na fogueira. Foi un holocausto público e terrorífico. So rebaixando o poder eclesiástico até a súa desaparición, se apagará o lume terrorífico das fogueiras. E as feministas non teremos que cantar que Imos queimar a Conferencia Episcopal por machista e patriarcal.

muller rebelde, bruxa do demo

muller rebelde, bruxa do demo

INTUICIÓN

Un regalo da mente

Un regalo da mente

Tradicionalmente ás mulleres recoñéceselle unha maior intuición. É algo que se afirma. Ignoro se está demostrado e non pretendo facelo. O que si podo demostrar é que cando se aplica un don ás mulleres, fan todo o posible para convertelo en algo negativo. Leo no xornal que a ciencia avala a intuición feminina e xa, nalgunha investigación, encontraron a explicación biolóxica, asociada á menor exposición prenatal de testosterona nas mulleres. A demostración fixérona mediante un test de Reflexión Cognitiva realizado entre universitari@s. Os homes reflexionan máis tempo e dan respostas correctas, mentres que as mulleres dan respostas máis intuitivas e fallan máis. A lentitude masculina é positiva. Estamos ante os prexuízos da mentalidade patriarcal.

O grave é que confunden a intuición coa velocidade de resposta dun coñecemento estudado, dun acto de memoria. Chaman intuición a responder sen pensar. Nada que ver co concepto de intuición e a visión dos grandes filósofos actuais. Recorro á explicacións de filósofos da ciencia, como Wilson ou Wagensberg, entre outros.  A intuición é unha capacidade de pensamento, de cognición rápida. O poder de saber nos primeiros segundos consiste na selección de datos significativos. Como é posible, pregúntanse, reunir a información necesaria para elaborar un xuízo complexo nun tempo curto? Falan de xuízos non de res`postas a cuestionarios como fixeron os autores desa conclusión “científica” na que se deduce que as mulleres somos atoladas, non intelixentes. A resposta é que cando o incosciente está facendo esta selección de datos, o que facemos é unha versión acelerada do coñecido, algo como un coup d’oeil, unha capacidade de extraer conclusións a partir dunha selección de datos significativos.  Intuír é relacionar, quizais frisar unha realidade con outra que foi reiteradamente percibida. Como quen sabe o que vai facer un pelouro entrando e saíndo sobre a superficie do mar cando se tira de determinada maneira. Ou sexa, a intuición non é un don que se reciba por maxia, senón o resultado de diferentes coñecementos. A intuición é revelada pola propia mente, unha mente que se nutre en cada percepción, unha mente que se enriquece e a través deses datos chega a saber en poucos segundos. Ao considerarse feminina, se desprecia.

Luces súbitas

Luces súbitas

Esta veloz capacidade mental é fantástica, tanto se a posúe máis o xénero feminino ca o masculino. Coñezo esa experiencia e tenme producido instantes de profundo gozo.