O Vigo de Pacheco

Agardan o barco para descargalo.

Agardan o barco para descargalo.

Sorte a de Vigo que tivo unha cidadanía vangardista que, chamada polos primeiros enxeños da revolución industrial, quería estar ao día. O mar, a comunicación que daquela era marítima, levou e trouxo, co seu ritmo de mareas, persoas, mecanismos, modas e ideas. En Vigo instalouse o Cable Inglés, que nos comunicaba co mundo, e, vivir á hora europea, concedía o privilexio de estar à la page. Houbo quen tivo teléfono antes de poderse comunicar. Instalaron tranvías cando no Berbés pairaban as dornas. Construiron estaleiros para poñerse á cabeza da pesca mundial. Pioneiros, xogaron futbol, os homes ou jockey, as mulleres  Tiveron un fotógrafo, Xaime Pacheco, que montou un estudio na rúa do Principe e se puxo a enredar con trebellos do s.XIX, máquinas, cubetas, líquidos e prensas, seguido polos seus fillos que se criaron co arrecendo dos pegamentos. Ademais de fotografar a xeracións de familias, foi dando conta de como medraba a cidade, do punto de vista social, arquitectónico e industrial e de como melloraba a técnica fotográfica.  O arquivo Pacheco é a mellor enciclopedia , tanto de Vigo como da evolución da fotografía.

Sorte a dunha muller coma min de nacer nesta cidade e poderlle tomar o pulso. Xa os meus bisavós  eran vigueses e tiñan casa na rúa Oliva, onde a Colexiata, lugar de nacemento da miña avoa Carmen. Asi mesmo no s.XIX, chegara a Vigo a xastra Carmen Queizán a establecerse ao final da mesma rúa, e o meu avó Xosé Queizán, montara a súa xastrería na rúa Carral. Queizán casou con Carmen Hermida e naceu meu pai Xosé Queizán, na praza da Constitución. Sorte tamén que a miña nai chegara a vivir en Vigo aos poucos meses de nacer, procedente de Beiro, en terras ribeiranas, cun pai que abominaba da aldea e unha nai de Santiago. Daquela, son urbana, e viguesa por xeracións. Isto me permite ver as fotos de Pacheco cunha perspectiva especial. Son moitas as escenas que me remiten a algo escoitado ou coñecido: os comercios da miña infancia, os restos calcinados do teatro Rosalía de Castro, onde seica levaran as cadeiras da sociedade Oliva, para celebrar un gran baile. A ese baile asistiron os meus avós, Queizán e Carmen. Menos mal que o lume prendeu (tal vez unha cabicha mal apagada…) despois de retirarse as persoas para casa. Gosto das ruínas, pero esa foto prodúceme un certo desasosego. A miña avoa estaba embarazada do meu pai. Por iso sei que a foto é  de 1910  Mesmo de non teren unha raigame viguesa coma min, a exposición do arquivo Pacheco é recomendable.

Ardeu despois dun baile. 1910

Ardeu despois dun baile. 1910

Honradez

Hai uns días houbo un atraco a un Banco no barrio de Coia en Vigo. A policía xa tiña vixiados aos atracadores e preferiu agardalos á sáida para non atemorizar a traballadores e clientes. Así foi. Os asaltantes subiron a un coche pero sabendo que ían ser atrapados, tiraron os corpos do delito, os milleiros de euros que roubaran, polas fiestras do vehículo. Debeu ser un momento espectacular, ver voar o diñeiro, unha escena de cine. O acto parece unha arroutada de Mister Perin, un ianqui que, a principios do s.XX saía nos xornais porque organizaba moitos escándalos. Ao parecer subíronselle os dólares á cabeza e andaba polo mundo tirando os cartos. Unha vez, deulle por ciscar os cartos, e cando os recolleu a benemérita, botounos a patadas. A xente abría o xornal para encontrar unha nova provocación do tal Perin. “Estar, está tolo, nunca se soubo de ninguén no seu san xuízo que tire cos cartos, comentaban.”

Pois estes atracadores tiraron todos os euros pola fiestra. E pensarán, coa crise que hai e tanta xente necesitada, a máis dunha os billetiños viríanlle estupendamente. Pois nada diso. A xente recolleu os cartos, de aquí e de acolá, e devolveullos á policía. Todiños! N0n faltou nada. Podo afirmalo. Tamén que estou emocionada por esa integridade cidadá. Como é posible que unha cidadanía, sabendo como sabe que lle están roubando desde as altas esferas da Administración, do Estado; que algúns evaden para paraísos fiscais o que debería ser empregado no benestar da poboación? Como é posible que conserven a honradez? Pois si. Demóstrase que a dignidade non se perde por moito que a perdan os demais. A conciencia é persoal e non se traizoa.  Síntome orgullosa como cidadá do que fixo a xente de Coia, ou que circulase por alí. Grazas, no meu nome e no das persoas que confiamos na humanidade.

Voda fascista frustrada

muller marcial

muller marcial

Os Primo de Ribera, Pilar e o seu irmán, José Antonio, eran un modelo da rama que ao tronco sae. Un orgullo ditatorial. El, fundador da Falanxe española; ela da Sección Feminina de Falanxe, fundada no ano 1934. Tanto que non lle gustou que Franco non impuxese a bandeira e himno de Falanxe como as españolas. Fíxose perdoar nomeando a Pilar condesa do Castillo de la Mota. Unha extensa representación da Sección Feminina maleducaba as mozas nos centros de ensino de toda España. Labores (bastillas, filtirés, punto espírito, punto de cruz…) costura ( a canastilla infantil), cociña, música (vilancicos e populares ), ximnasia (alineadas, e alienadas, con pololos), formación del espírito nacional (España unidade de destino no universal), esas e outras doctrinas e habilidades, propias dunha moza como debe ser, preparaba para o matrimonio e a procreación, a toda unha xeración de postguerra.

Pilar Primo de Ribera, estaba solteira, e non sei que daba, sendo tan defensora do rol maternal das españolas.  O ministro de exteriores Serrano Suñer, que visitaba Berlín, quixo concertar, ignoro se por propia iniciativa, pero si co coñecemento de Franco, a voda de Pilar Primo de Ribera con Hitler. Intercedía como celestina, Magda, a esposa de Joseph Goebbels, animada por emular a dinastía austro-española. Que voda tan culminante! Onde encontrar unha facha máis adecuada para Hitler! Pero non puido ser. O nazi non estaba en condicións de preñar a fascista española. Unha bala da 1ª Guerra Mundial rabenáralle un testículo. E total, iso a Eva Braun non lle importaba.  A Pilar non a deron casado. hitler-eva-braun