Representación de Jacques Derrida

rumoroso vencido

Deconstrución

Jacques Derrida

Fogueira postmoderna

Na fin do mundo, Finisterra, onde vivo

refachos do Atlántico, eléctricas machadas

tumban árbores, antigas defensoras

do Castro.

Velaí a posta en escena de Sarah Kofman

onde Derrida representa a Deconstrución

unha ruptura malsana nas conciencias

confusión, xestos equívocos,

paradoxos para remexer na leña primitiva

metafísicas confusas, borralla do significado

diferido.

Comparte a diferencia con Lacan, Levinas e Foucault

e centos de mulleres escribindo co corpo

oco que agarda plenitude

natureza queren ser

metáfora freudiana e patriarcal.

Nos restrollos irracionais e doentes

rumorosos deconstruídos e vencidos

co facho derridiano

prenderán a fogueira postmoderna

onde queimar o xuízo e a razón.

Advertisements

Nelson Mandela

Nelson Mandela

Non é fácil o camiño da liberdade, afirmas / Nelson Mandela

e haberá que pasar polo val das sombras da morte / 

unha e outra vez /até alcanzar o cume.

Non houbo sombras velando a túa infancia / na familia dos transkei.

Educado para os privilexios e o moscatel / adoptas o facho candente dos colonizados

elixes os riscos da clandestinidade / entregas a vida á causa da liberación do teu pobo

zulús segregados polos boers  / negros encarcerados polos boers

africanos esmagados polos boers.

Non é fácil o camiño da liberdade / porfiamos contigo, Mandela

dura vida coa gadoupa ao axexo / o medo enguedellado nas entrañas.

Represión, cadea, exilio, morte.

Pero unha luz reloce na impaciencia / e vemos a liberación moi próxima

vivimos esperando, / durmimos e acordamos esperando.

A esperanza á máis ca unha certeza.

Se resiste Mandela na cadea, nós tamén resistiremos.

O espello solidadio devólvenos a nosa negritude. / Igualados polo imperialismo.

Nada nos afasta do optimismo / utopía devecida, eclipse do sentido.

Que inxenuidade presentar a propia impaciencia / como argumento teórico!

Xordos a Engels e solidarios coas loitas do mundo /facemos cen revolucións no alén.

Se está lonxe a fronteira onde morrer / nós aquí morremos a cada intre.

Chámanos os nosos desde a morte / cos textos fundadores da memoria

e as verbas devanceiras tomadas de prestado / deron en martelo e fouce

en loita proletaria, en espiral / no convencemento de que será /Galiza /quen nos salve.

Camiño de liberdade, xabre, sima raposeira, / angosto camiño de nunca acabar

senda ideal que nunca abandonamos.

Nelson Mandela sabe: / os grandes riscos están na resistencia.

Porque os tempos nunca son chegados / mellores tempos sempre chegarán.

A liberdade non é negra nin branca…/ Na liberdade, senda infinda,

vai un único fachón acceso, unha soa cor. / A túa conciencia /Nelson Mandela /é,

resplandor ardente nas entrañas / faro da nosa vida.

Vigo, 2006.  Publicado en CÓLERA