Faro das Cíes

Desde a fiestra do meu salón, vía a ría desde Cangas ás Cíes cando comecei a habitar o piso, no ano 1965. Hoxe unicamente vexo o faro das illas Cíes emarcado por dous edificios. Unha pintura que lostrega á noite e dá fe da Ría de Vigo. Escribinlle un poema.

FARO DAS CÍES

No lusco e fusco melancólico e furtivo 

entra a noite como luz velada

apagando os cadros do meu salón.

Coa elegancia da anguía, Pousa sae da paisaxe

e retorna a Goián.

Laxeiro asina o retrato do ano coranta e oito.

Seoane cruza o atlántico cos seus polbos informes.

As liñas Pollock, ira de Reimundo Patiño

son as últimas que se lusquefusquen.

Recorro á fiestra para ver a escuridade.

Velaí!

Un estalar de Ría salfire nos cristais

un aroma de algas cruza a estancia en tropel.

É o faro das Cíes, intermitente brillo

único vestixio da Ría

admirada outrora na mesma fiestra

antes de que o cemento cubrise o mar de Cangas

edificios novos se alzasen na cidade

mentres fun envellecendo.

Velaí a senlleira testumuña da Ría de Vigo

entre marcos de cemento, xorde

o faro das Cíes.

MXQ.    Vigo, 30/11/2013

Patriarcado

A significación de patriarcado é algo tan terrible, inxusto e permanente que se oculta nos diciónarios. Aparece como dominio dun patriarca sobre a súa familia, ou territorio da súa xurisdición, algo que nos remite a unha sociedade primitiva, da época en que gobernaban os anciáns. Como é posible esta ausencia?

O patriarcado é a política sexual exercida polo colectivo masculino sobre o colectivo feminino define K Millet. No Dicionario Ideolóxico de Victoria Sau, a teórica feminista que nos deixou hai poucos días, defínese como É unha toma de poder histórica dos homes sobre as mulleresO axente ocasional é de orixe biolóxica, pero elevada a categoría política e económica. Pasa polo sometimento das mulleres á maternidade, a represión da sexualidade feminina, e a apropiación do traballo total do grupo dominado, incluída a procreación.

Aínda que o racionalismo cartesiano no s.XVII e Poulain de la Barre, denuncian a desigualdade entre os sexos, e no s.XVIII, algunhas figuras da Ilustración defenden a Igualdade e a Liberdade das seres humanas, non foi até o s.XX, co pensamento antropolóxico, histórico, co marxismo e o feminismo que se lle deu nome. F. Engels, na súa obra El origen de la familia, la propiedade privada y el Estado (1884), libro que manexei cando escribín A muller en Galicia, interpreta que o dominio masculino e a explotación das mulleres substitúe ao antigo matriarcado das sociedades igualitaristas que descoñecían a propiedade privada. Grave erro nun marxista.

O patriarcado para Engels prodúcese cando comeza a haber un excedente de traballo, se forma a familia, a monogamia, e se xerarquiza a sociedade. O patriarcado, para Engels, ten unha orixe económica. hai diversas interpretacións das que irei falando.

Materialismo

Quero aclarar como utilizo a palabra materialismo, porque podemos escoitala con significados ben distintos.

Mario  Bunge

Mario Bunge

Escoitamos chamarlle materialista a unha persoa ambiciosa no relativo ao poder, diñeiro, posesión de cousas.

Eu voume referir ao materialismo como unha doutrina que concibe a materia como o único constitutivo da realidade. Agora ben, a materialidade, como explica Bunge, non se predica exclusivamente das cousas ou entidades; as propiedades tamén quedan incluídas, por exemplo a densidade, a calor, o metabolismo…Tamén a ideas son procesos de cousas materiais. Ou sexa: o pensamento é material.

Ser materialista, daquela, implica negar iso que chaman espiritual nas persoas. Ao longo do proceso de humanización, foise desenvolvendo a abstracción como se observa nas pinturas primitivas. Sempre con intencións de proveito e necesidade vital.

Paréceme evidente que o poder sobre as mulleres e a súa consecuente inferioridade foi precisa para xustificar que fixeran o traballo. Canto máis nos remontamos ao pasado, confirmamos que son as mulleres as que traballan. Era imprescindible naturalizalas mentres eles ideaban un deus, un espírito. O feito de que deus sexa masculino demostra a existencia anterior do patriarcado e da explotación das mulleres. Moitos séculos despois, aínda a Igrexa, xa establecida como poder, negoulles a alma.

Non é esta, claro está, a preocupación das mulleres feministas materialistas. O grave é que aínda as igrexas, o pensamento irracional e a misoxinia dominan sobre os poderes civís. E que o naturalismo das mulleres, aceptado, e mesmo defendido, por elas mesmas, é un atranco fundamental para chegar á igualdade. Sobre isto seguirei escribindo.

Carlos marx

Carlos marx

ADEUS A VICTORIA SAU

vicSAUVeño de recibir a noticia do falecemento de Victoria Sau. Por amigas comúns sabía que levaba tempo recluída nunha residencia xeriátrica. Tiven a sorte de reunirme con ela en Barcelona pouco antes da súa enfermidade que lle restou mobilidade.  Licenciada en Historia e doutora en psicoloxía, desempeñaba actividade, tanto universitaria, como privada, exercendo como psicóloga.

Di de si mesma que, mesmo se non estivo nos cárceres franquistas nin tivo que exiliarse, padeceu un “exilio interior” ao descoñecer a democracia e non poder ler a Simone de Beuvoir e outras escritoras e feministas ausentes na dictadura fascista española. a partir do ano 1974, cando comeza a publicar, non deixará de facelo até estes últimos anos. para min, como toda escritora, morreu cando deixou de escribir. Seica podía ler, tal vez so o xornal.

É autora de dous Diccionarios feministas, de conceptos. Publica, sen ser lesbiana, tal vez precisamente por iso, no 1980, “Mujeres lesbianas” . un fito naquela época na que predominaban os prexuízos contra esta opción sexual. Foi unha estudosa do Patriarcado, do poder masculino, do que “o axente foi, de orde biolóxica, se ben elevado a categoría política e económica. O sometemento á maternidade é unha das tomas de poder, así como a apropiación da forza de traballo total do grupo dominado”. isto foi e segue a ser decisivo.

No seu libro “El vacío de la maternidad” defende a tese de que “madre no hay más que ninguna”. Non existe a nai porque ao estar reducida ao biolóxico se lle nega a dimensión humana. No movemento da Plataforma para protestar contra a reforma da lei do aborto deste goberno, comprendemos a teoría de Sau. As mulleres non decidimos sobre a nosa maternidade. Interromper o embarazo foi sempre materia lexislativa, xudicial e executiva dos homes, afirma Victoria Sau.  Non é privativa dos gobernos de dereitas. Con máis ou menos restricións. todos deciden.

Acabamos de perder unha feminista independente, unha investigadora lúcida. Eu perdín unha amiga  coa que mantiña entrañable comunicación, unha muller que faleceu sentada na cadeira, soa, como corresponde ás escritoras disidentes.vicSAU

CONGREGACIÓN DO SANTO PREPUCIO

Veño de descubrir que Rouco Varela e o seu sancristán Gallardón pertencen á Congregación do Santo Prepucio, ou sexa adoradores da devota pel que se retira para permitir que o sagrado glande lance como dardos creadores os espermatozoides que han chegar como arcanxos victoriosos a cercar o óvulo. Neste asalto vence un santo productor que posúe a condición natural e o atributo divino. Nesa comunión  xorde a creación humana, corpo e alma. Os xudeos, para máis facilidade do sagrado glande, fundaron a do Prepucio Desenfreado. Luzbela, envexosa da creación divina, decidiu evitar ese asalto anxélico no seu corpo e fundou a congregación do Prepucio Absoluto, ou Bendito Condón.

Ante a reforma normativa oficial no estado español en relación coa interrupción do embarazo, diversas Plataformas reivindican a liberdade das mulleres para defender o propio corpo de tantas manipulacións, mellor dito falopulacións a prepucio libre.

Fóra ironías, todo depende do irracionalismo relixioso e do poder que, aínda no s.XXI!, conserva no poder político español. Vivimos nunha sociedade que se afirma democrática pero está supeditada a poderes esotéricos que alienan a poboación e matan. Domina un pensamento tan maligno e tan rabiosamente misóxino que lle concede máis valor a un embrión que á vida das mulleres. Unha chifladura admitida polos poderes públicos, ou sexa, case toda a cidadanía.

 

 

Censura na ditadura fascista

Durante a ditadura de Franco era obrigatorio que os libros pasasen pola censura oficial ntes da súa publicación. Entre os censores figuraba Camilo José Cela, por exemplo.
No ano 1965 foi enviada pola editorial Galaxia a miña novela A Orella no buraco e foi censurada en 2 páxinas ,según consta nese documento.   Negueime a arranxar o texto. Suprimiuse o que censuraban e notábase que alí faltaba algo.  Na segunda edición, 1984, recuperou o texto expurgado que, simplemente, aludía ao comportamento dictatorial dun militar.

Documento de censura. a orella no buraco

Agora, din, estamos en democracia e xa non existe un organismo estatal de censura, pero haina. Hai anos que non podo escribir nos xornais galegos debido aos temas que elixo e o seu tratamento. Os temas máis  comprometidos son a crítica á Igrexa e os seus integrantes ou o intolerable que supón manter unha Monarquía na época actual, e para máis incongruencia tentar compaxinala cun sistema democrático! Non só, pero o poder eclesiástico tivo moita relación co meu obrigado afastamento dos xornais escritos.

Os nomes perderon o seu significado. A impostura estase convertindo en norma. A corrupción é un polbo con milleiros de brazos. Ninguén a nota no propio. Mesmo así, ese documento proba que o pasado foi peor. E, tamén é certo que existen moitas, moitas persoas, que non son brazos de ningún polbo e contribúen a mellorar a humanidade. O optimismo foi e será sempre unha opción de esquerda.